InicioEconomíaCrónica: encerrados por unha saída para o aluminio e para A Mariña

Crónica: encerrados por unha saída para o aluminio e para A Mariña

Pechados nos Concellos de Xove e Viveiro na véspera da data límite para unha venda da planta, obreiros de Alcoa e auxiliares prometen loita ata o final: "non daremos a coitelada á comarca"

Publicada o

- Advertisement -

Alberto Pulpeiro, ribadense afincado en Foz, comezou a traballar no sector do aluminio en 1987. Iniciouse a través dunha empresa auxiliar de San CibraoCotelsa, e despois entrou en Isolux. Nos seus primeiros días na contratista estalou o conflito do Casón, cando os barrís do buque embarrancado en Fisterra, que provocaran unha estampida na Costa da Morte, chegaron ás portas do complexo industrial de Cervo. O temor á carga, supostamente tóxica, provocou unha escalada de presión entre os delegados do persoal, a empresa e as Administracións que rematou coa parada das cubas de electrólise e co despedimento do comité ao completo, 23 persoas. Foi “o Nadal máis triste da Mariña“, segundo contan na comarca.

UNHA LEMBRANZA DE HAI 23 ANOS

Pulpeiro tiña daquela 19 anos. “A xente pasouno moi mal pero eu con esa idade non me din conta realmente, non tes a mesma responsabilidade”, explica. Hoxe é sindicalista, membro do comité de empresa de Alcoa San Cibrao. Vén de pecharse no consistorio de Xove canda varios compañeiros para evitar que volvan parar as cubas. Para reclamar que Alcoa, a multinacional estadounidense que mercou as instalacións no 1997, a prezo de ganga, e que xa non quere producir aluminio primario en San Cibrao, acceda a vender a factoría a unha potencial compradora, a siderúrxica británica Liberty House. Para que o Goberno central e a Xunta de Galicia boten man da intervención pública se é necesario. Para que esa frase do “Nadal máis triste da Mariña”, o de 1987, non cambie de ano de referencia dentro dun par de meses.

Traballadores, en Viveiro, coa compaña da alcaldesa, María Loureiro. AXM

A CONTRARRELOXO

En realidade, queda menos tempo. O prazo pactado para unha negociación de compra-venda remata mañá domingo, e de non chegar a un acordo entre as dúas multinacionais, sindicatos e Alcoa retomarán o luns o período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado pola titular: a proposta inicial suporía 534 despedimentos na factoría, e outros 400 na industria auxiliar.

Nas contratistas nas que comezou Alberto e nas que traballa Kike Rocha: un conglomerado dunhas 30 empresas que teñen a maioría dos seus contratos –ata en dez casos, o 100%– no complexo industrial de San Cibrao. Este obreiro de Cotelsa comezou a súa carreira laboral do aluminio no 2012 procedente dun sector que ía a pique, o da construción. Entrar supúxolle “ter un emprego estable e pensar nun certo futuro”. Agora permanece pechado no consistorio xovense para pelear por el. “Ninguén da Mariña, penso, contaba verse nesta situación; pensas que é algo eterno e agora vas vendo un pouquiño a realidade”, explica.

O SUFRIMENTO DUNHA BISBARRA

Rocha e Pulpeiro saben que, para unha comarca dependente do aluminio, neste conflito laboral A Mariña xógase o ser ou non ser. Detrás da planta ameazada de peche por Alcoa viría a irmá, a refinería de alúmina do complexo industrial, da que dependen outros 510 empregados coa funda de Alcoa, e outros 400 traballadores coas fundas das distintas auxiliares.

Se Pulpeiro viviu non viviu o Casón en certo modo nas nubes, hoxe fala sobre o conflito cos pés ben postos na terra. “Agora tes muller, fillos, netos aquí… Pensando por eles temos que mirar da continuidade da planta. Non imos asinar un ERE ou un Erte (Expediente de Regulación Temporal de Emprego) e apañar uns cartos mentres condenamos a comarca. Todos teriamos que marchar de aquí. Loitaremos ata o final polo futuro e por algo tan factible como é a venda“, salienta. “Non imos dar unha coitelada á Mariña, que nos acompañou sempre, sabendo que o aluminio é o seu motor”, di Rocha.

Aínda que as ameazas de Alcoa dunha posible deslocalización veñen de lonxe, practicamente unha década desde que rematou a tarifa G4 que bonificaba a enerxía eléctrica, o peche efectivo das plantas da Coruña e Avilés, hai un par de anos, fixo vivir ao persoal -e por ende a toda a comarca- 24 meses dunha crecente tensión. “Son tempos duros para todo o mundo. Estamos nunha pandemia e somos conscientes de que o que vén vai ser complicado. Pero A Mariña merece unha nova que lle dea tranquilidade”, resalta Rocha.

CON ENERXÍA E HUMOR

O rexedor de Xove, Demetrio Salgueiro, exerce de anfitrión nas primeiras horas de peche. Fóra aínda quedan amigos, familiares, veciños, que se concentraron con eles na Praza do Concello: “ese comité, o noso orgullo é“, escóitase ao lonxe. Tamén: ‘a solución, unha intervención‘, ‘as cubas non se paran‘, ‘A Mariña sálvase loitando‘ ou ‘enerxía, solución‘.

A dez quilómetros case exactos, outros compañeiros do comité permanecen pechados no consistorio de Viveiro. Acompáñaos a alcaldesa, María Loureiro. Cearán pizza traída “a domicilio”, pero lonxe da casa, e unha tarta ben doce, desas que pide o corpo cando as cousas saben amargas, enviada cunha mensaxe: “Alcoa non se pecha: moito ánimo“.

Tarta feita para os traballadores. AXM

En Xove, os traballadores van atopando acomodo. Quédanlles 24 horas de encerro por diante. A secretaria do comité, Soledad, saca o ordenador e revisa os correos para ver se hai algunha novidade. Haina: despois de citar á comisión da parte social en Madrid o vindeiro luns, para renegociar o ERE se fracasa a venda, Alcoa cede en parte á petición de reunirse en Galicia. “Pola presente convocámolos a unha xuntanza… Tantatachán… En Nigrán!”, di a integrante do comité, e non falta o humor: “mirade a ver se o hotel ten piscina”, espeta un traballador. Pura sorna: o penúltimo día do período de consultas do despedimento colectivo durmiron no chan, logo dunha xornada maratoniana.

ESTE DOMINGO, MANIFESTACIÓN EN XOVE

Para todo o que levan vivido nos últimos meses, días de esperanza e de desazón, de absoluta incerteza, de presión psicolóxica, de comuñón tamén coa súa veciñanza, aínda teñen enerxía. Este domingo, nese último día que representa unha última bala, citaron á comarca ás 11.00 horas, ante a estación de tren de Xove, de onde saen as placas de aluminio para a súa transformación en Amorebieta. Os asistentes marcharán cara a Praza do Concello. Para evitar que volvan parar as cubas. Para reclamar que Alcoa, se non quere producir aluminio en San Cibrao, venda a fábrica a quen quere facelo. Para que Goberno central e Xunta boten man da intervención pública se é necesario. Para que esa frase do “Nadal máis triste da Mariña” só sexa un mal recordo.

ÚLTIMAS

Fran Cajoto sinala que o PP de Foz se apoia no insulto para ocultar “a traizón” de Altri

O alcalde de Foz e deputado provincial, Fran Cajoto, di que “o Partido Popular...

Ribadeo pecha a praia das Catedrais por causa do temporal

A praia das Catedrais está pechada este Xoves Santo por mor do temporal de...

APAGA mostra a súa xira por Chile con varios profesores no país latinoamericano

APAGA está a realizar unhas xornadas de traballo desde o pasado luns en Chile,...

A Mancomunidade entrega tablets para a súa plataforma de xestión de datos

Durante esta semana a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense está entregando un primeiro...